Thursday 02 de May de 2024

Rueda destaca o investimento de máis de 2 M€ en melloras nos pavillóns deportivos da Coruña que dan servizo aos clubs, asociacións e centros educativos municipais


 Recorda que se licitarán en breve as actuacións nas infraestruturas de Monte das Moas, Elviña II e Agra II

 Reafirma o compromiso do Goberno autonómico co benestar e a saúde dos cidadáns dotando á poboación galega dunhas instalacións deportivas axeitadas para a práctica do deporte e a actividade física

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destaca o investimento de máis de 2 millóns de euros en melloras nos pavillóns deportivos da Coruña que dan servizo aos clubs, asociacións e centros educativos municipais. O mandatario galego puido comprobar hoxe o resultado das actuacións realizadas no pavillón deportivo de Monte Alto, no que a Xunta investiu 445.508 euros.

O titular do Goberno autonómico, acompañado do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu a unha demostración dos deportistas que habitualmente utilizan o pavillón e que agora desfrutan dunhas instalacións actualizadas logo das melloras que se levaron a cabo nos accesos, os aseos e os vestiarios, entre outras actuacións.

Ademais das melloras en Monte Alto, vanse licitar en breve as que se van levar a cabo nos pavillóns de Monte das Moas, Elviña II e Agra II, cun investimento total de máis de 2 millóns de euros aos que hai que engadir os 300.000 anuais que se destinan ao mantemento das catro infraestruturas deportivas.

A Coruña tamén desfrutará de novos investimentos nos complexos deportivos de Elviña I, Agra I e Sardiñeira, supeditados ao contrato de xestión. Está previsto que as obras empecen ao longo deste ano para mellorar unhas instalacións que inclúen piscinas, spa, pavillóns de deportes, salas polivalentes, campos de fútbol e pistas de pádel. En total, 42.000 metros cadrados para a práctica deportiva e para o desfrute do ocio.

O presidente da Xunta agradeceu á sociedade a súa implicación neste proxecto, e ás numerosas entidades que na Coruña están vencelladas ao deporte, a súa capacidade de xestión e organización “para que a mocidade e os deportistas que empregan estas instalacións non viran minguada a oferta por mor das obras”.
Alfonso Rueda reafirmou o compromiso do Goberno autonómico co benestar e a saúde dos cidadáns dotando á poboación galega dunhas instalacións deportivas axeitadas para a práctica do deporte e a actividade física. “Seguimos en marcha traballando pola xente que fai deporte”, asegurou.